xoves, 30 de maio de 2019

ESCOLLER PORTUGUÊS


O alumnado de segundo de ESO con axuda da súa profesora de portugués realizou un vídeo no que anima aos seus compañeiros que entrarán en 1º de ESO no próximo ano a que escollan esta lingua como unha opción que lles pode abrir moitas portas nun futuro.

Velaquí o tedes: 





sábado, 25 de maio de 2019

ENCONTRO DO ALUMNADO DE SKYPE EN GUIMARÃES






Por fin chegou o día de atoparnos en persoa. O día 24 de maio saímos do IES de Mos ás 9.30 e viaxamos no mesmo autocar cos nosos compañeiros e compañeiras do IES das Barxas. O destino era a vila de Guimarães, berce do país portugués. 


A climatoloxía acompañounos durante todo o día, acompañáronnos na viaxe os profesores: Margarida, Alfonso, Montse e Rosa.

Primeiro visitamos o Paço dos duques de Bragança e despois o Castelo, pasando pola capela na que supostamente foi bautizado Afonso Henriques, do que nos puxeran unha curtametraxe no autobús. Alí merendamos e despois baixamos ao centro. O primeiro que visitamos foi o museo Alberto Sampaio. 


O xantar fixémolo polo centro histórico e, ao rematar, déronnos unha guía que elaborou o museo Alberto Sampaio para localizar diversos elementos históricos de Guimarães. Había que preguntar aos vimaranenses para obter pistas. 

Posteriormente dirixímonos ao teleférico para subir ata a Penha, onde gozamos do paseo en mini-tren turístico para ver as distintas covas que crean alí as rochas. 


luns, 20 de maio de 2019

PREHISTORIA MOS


Este ano o noso centro comezou a pór en marcha un novo  proxecto: A prehistoria. É significativo na nosa contorna o desenvolvemento deste pois, unha das riquezas a pór en valor, é o patrimonio prehistórico que comezou a levar adiante xa hai uns anos a Asociación Cultural Viaxamos no Tempo.

Co proxecto fóronse levando adiante varias actividades: 


- O alumnado de 1º de ESO:

a) Elaborou nas aulas de Lingua Galega un pan de landras, podedes ver a entrada e os comentarios do alumnado no blog Matinando na lingua ou picando neste enlace: Proceso de elaboración do pan de landras

b) Realizou nas aulas de Plástica un taller de pintura aborixe. 







c) Asistiron a talleres de caza, de moído, de lume, de fabricación de ferramentas de pedra e de caza.


 

- O alumnado de 3º e 4º da ESO, primeiramente e o de 2º, posteriormente, visitou o monte Facho e a praia de Barra no concello de Cangas do Morrazo. Alí o alumnado tiña que cubrir unha ficha elaborada polo departamento de Bioloxía na que tiñan que localizar especies vexetais e diversos lugares da contorna. 

Ademais das espectaculares vistas que se divisan dende alí observamos o tipo de poboamento que ao longo do tempo se realizou na zona. 


Neste proxecto colabora activamente o Equipo de Dinamización Lingüística e os departamentos de Plástica, Bioloxía e Xeoloxía, Filosofía, Xeografía e Historia, Lingua Galega. 



Se picas neste enlace poderás ver o produto final no que se concretan todas estas experiencias de aprendizaxe: PROXECTO PREHISTORIA EN MOS



sábado, 18 de maio de 2019

LETRAS GALEGAS 2019

Este ano o día das Letras Galegas homenaxea a Antón Fraguas Fraguas(Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego, dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. O seu labor contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea que segue a ser preciso reivindicar (fragmento da RAG).

No noso centro leváronse a cabo diferentes actividades relacionadas coa súa figura.

1. O alumnado de terceiro e cuarto de ESO e de Bacharelato asistiu o día 16 de maio á representación de A LOUCA HISTORIA DE GALICIA, a cargo de Fulano, Mengano e Citano no Multiúsos do Concello de Mos. 

2. O alumnado do centro participou con fotografías antigas da súa familia no concurso de Ponte nas ondas! AS IMAXES DO PATRIMONIO.


3.Alumnado de Música, en colaboración coa profesora Romina, tocou a Muiñeira dos nenos.  Alumnado de primeiro de ESO participou na elaboración dun vídeo dedicado a Antonio Fraguas e aos arxinas (canteiros): leron Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro na verba dos arxinas.

venres, 10 de maio de 2019

O GALEGO: LINGUA INTERNACIONAL

Xa próximo o Día das Letras Galegas quixemos aproveitar para recordar que o galego é unha lingua válida para todos os ámbitos. As nosas xornalistas entrevistaron a un membro da Mesa pola Normalización Lingüística. Aquí deixamos o enlace para que escoitedes o programa completo. Esperamos que vos guste.



Ao mesmo tempo queremos invitarvos a que coñezades a app ABERTOS AO GALEGO, picando neste enlace. 

 



luns, 6 de maio de 2019

QUINTO ENCONTRO POR SKYPE

Neste encontro xa tiñamos claro cal ía ser o lugar para visitar e así puidemos xa comezar a preparar a visita a Guimarães, no país veciño.