venres, 21 de decembro de 2018

DÍA DE ROTEIROS E MUSEOS POR PONTEVEDRA



O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Mos estivo o pasado 20 de decembro en Pontevedra, coñecendo un pouquiño máis a historia da  cidade a través dun interesante roteiro. Consistía en descubrir enigmas agochados en pistas espalladas polas rúas. A actividade foi deseñada polo Departamento de Filosofía e contou  coa colaboración do Dpto. de Lingua Galega e do EDLG. Finalizado o roteiro, dirixímonos ao Museo Provincial e visitamos, primeiro, a sala adicada á Prehistoria e rematamos coa visita á Sala Castelao, recentemente ampliada. A valoración dos rapaces e rapazas foi moi positiva e así se viu na súa fantástica actitude. 
Parabéns ao noso alumnado polo seu comportamento! 



mércores, 19 de decembro de 2018

CAMIÑANDO POR MOS


Nesta ligazón, Camiñando por Mos, poderedes acceder ao traballo do alumnado de 2º de ESO sobre Hábitos saudables. A través deles descubriredes algúns elementos da nosa arquitectura popular, entre os que destacan os muíños.

mércores, 28 de novembro de 2018

VIOLENCIA DE XÉNERO

O martes 26 de novembro realizamos no centro unha actividade para conmemorar o 25 de novembro: día contra a violencia de xénero.
O alumnado do centro saíu ao patio onde esperaba o alumnado de primeiro de ESO, que exhibía carteis contra a violencia de xénero. Tamén leron un manifesto elaborado en colaboración co departamento de Filosofía. O departamento de Música axudounos coa megafonía cedida pola ANPA. Grazas a todos os asistentes, pero sobre todo ao alumnado e profesorado que colaborou.

venres, 23 de novembro de 2018

CONTOS DE MEDO NO IES DE MOS

Hoxe escoitamos os contos de medo do alumnado de primeiro de ESO, que traballou a competencia oral e a memoria. As fontes foron diversas: as historias que se contan na familia, algún autor clásico (Castelao), internet, … Un bo traballo!



mércores, 14 de novembro de 2018

MAGOSTO

O magosto tróuxonos castañas, xogos populares e música. A ANPA tróuxonos as castañas, Mario, o profesor de Educación Física propuxo uns xogos ao alumnado; Puras, o profesor de Filosofía foi o noso cociñeiro; o departamento de Músia deixounos o equipo e puxo a banda sonora e algúns alumnos de Bacharelato e cuarto de ESO colaboraron coa música e axudaron a repartir as castañas. Grazas a todas e todos pola vosa colaboración.

luns, 12 de novembro de 2018

O IES DE MOS NO CENTRO CULTURAL AS PEDRIÑAS







O pasado 9 de novembro, o Centro Cultural As Pedriñas, de Mos, invitou ao alumnado de 2º ESO do noso instituto á representación teatral, “Como sobrevivir a unha apocalipse zombi” de Avento Producións

Trátase dunha comedia interactiva, onde os actores e actrices buscan continuamente a participación do alumnado a través do humor.   Dende o primeiro minuto, gargalladas dos rapaces e rapazas son continuas; os divertidos personaxes van dende unha experta psiquiatra que usa un pobre home para os seus viles experimentos, ata un Rambo despiadado ou un  “serio” presentador que vai dando conta das instrucións que o público deberá seguir se quere sobrevivir a un ataque zombi.

Dende o instituto, agradecemos ao Centro Cultural “As Pedriñas” o interese por achegar o mundo teatral ás aulas e espertar, se cadra, futuras vocacións e sobre todo, o amor polo teatro.

Moitas grazas pola invitación!!

E.............de parte dos actores e actrices da compañía, e tamén do profesorado acompañante.........noraboa ao alumnado de 2º ESO polo seu comportamento!!






luns, 5 de novembro de 2018

MEDO NA LITERATURA GALEGA

Aquí temos algún dos exemplos dos títulos e obras que nos forneceu a biblioteca para ler textos de medo.
Cousas de Castelao

A Santa Compaña

Criaturas de Roberto Vidal Bolaño

Cantares gallegos de Rosalía de Castro