Amosando publicacións coa etiqueta oral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta oral. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de xuño de 2019

I CONCURSO DE BOOKTUBER

Hoxe entregamos os premios ás nosas booktubers deste ano: Natalia (categoría ESO) e Alba (categoría Bacharelato). Parabéns para estas boas comunicadoras. 

Desde o EDLG queremos agradecer á LIBRARÍA ARTE Y CIENCIA MOS a súa colaboración na concesión dos premios e invitámosvos a que visitedes o seu Facebook picando na ligazón de arriba. 


Velaquí o traballo das dúas:


Rebeca Alonso


Natalia Blanco

luns, 10 de xuño de 2019

LINGUA PORTUGUESA/EUROPA

O alumnado de Lingua Portuguesa do noso centro elaborou un programa de radio sobre a lingua portuguesa e as siglas das linguas de Europa que aparecen reflectidas nos nosos billetes. Deixamos aquí a ligazón para que o escoitedes: 


Outro dos traballos realizados polo alumnado de portugués de 2º PMAR para a promoción da lingua no centro foi unha exposición de fotografía e actividades culturais en lingua portuguesa. 

xoves, 6 de xuño de 2019

XESTIONAMOS O MEDIOAMBIENTE

As nosas reporteiras atrévense con todo e non deixan de cuestionar a degradación ambiental que estamos a sufrir a pasos axigantados. Para realizar o programa asesoráronse con expertas biólogas e entrevistaron a Raquel e Iria.

Tamén petaron á porta do concello para entrevistar á concelleira que se ocupa destas cuestión. 

Deixamos aquí o enlace para que o escoitedes, esperamos que vos guste.

xoves, 30 de maio de 2019

ESCOLLER PORTUGUÊS


O alumnado de segundo de ESO con axuda da súa profesora de portugués realizou un vídeo no que anima aos seus compañeiros que entrarán en 1º de ESO no próximo ano a que escollan esta lingua como unha opción que lles pode abrir moitas portas nun futuro.

Velaquí o tedes: 





sábado, 25 de maio de 2019

ENCONTRO DO ALUMNADO DE SKYPE EN GUIMARÃES






Por fin chegou o día de atoparnos en persoa. O día 24 de maio saímos do IES de Mos ás 9.30 e viaxamos no mesmo autocar cos nosos compañeiros e compañeiras do IES das Barxas. O destino era a vila de Guimarães, berce do país portugués. 


A climatoloxía acompañounos durante todo o día, acompañáronnos na viaxe os profesores: Margarida, Alfonso, Montse e Rosa.

Primeiro visitamos o Paço dos duques de Bragança e despois o Castelo, pasando pola capela na que supostamente foi bautizado Afonso Henriques, do que nos puxeran unha curtametraxe no autobús. Alí merendamos e despois baixamos ao centro. O primeiro que visitamos foi o museo Alberto Sampaio. 


O xantar fixémolo polo centro histórico e, ao rematar, déronnos unha guía que elaborou o museo Alberto Sampaio para localizar diversos elementos históricos de Guimarães. Había que preguntar aos vimaranenses para obter pistas. 

Posteriormente dirixímonos ao teleférico para subir ata a Penha, onde gozamos do paseo en mini-tren turístico para ver as distintas covas que crean alí as rochas. 


luns, 20 de maio de 2019

PREHISTORIA MOS


Este ano o noso centro comezou a pór en marcha un novo  proxecto: A prehistoria. É significativo na nosa contorna o desenvolvemento deste pois, unha das riquezas a pór en valor, é o patrimonio prehistórico que comezou a levar adiante xa hai uns anos a Asociación Cultural Viaxamos no Tempo.

Co proxecto fóronse levando adiante varias actividades: 


- O alumnado de 1º de ESO:

a) Elaborou nas aulas de Lingua Galega un pan de landras, podedes ver a entrada e os comentarios do alumnado no blog Matinando na lingua ou picando neste enlace: Proceso de elaboración do pan de landras

b) Realizou nas aulas de Plástica un taller de pintura aborixe. 







c) Asistiron a talleres de caza, de moído, de lume, de fabricación de ferramentas de pedra e de caza.


 

- O alumnado de 3º e 4º da ESO, primeiramente e o de 2º, posteriormente, visitou o monte Facho e a praia de Barra no concello de Cangas do Morrazo. Alí o alumnado tiña que cubrir unha ficha elaborada polo departamento de Bioloxía na que tiñan que localizar especies vexetais e diversos lugares da contorna. 

Ademais das espectaculares vistas que se divisan dende alí observamos o tipo de poboamento que ao longo do tempo se realizou na zona. 


Neste proxecto colabora activamente o Equipo de Dinamización Lingüística e os departamentos de Plástica, Bioloxía e Xeoloxía, Filosofía, Xeografía e Historia, Lingua Galega. 



Se picas neste enlace poderás ver o produto final no que se concretan todas estas experiencias de aprendizaxe: PROXECTO PREHISTORIA EN MOS



venres, 10 de maio de 2019

O GALEGO: LINGUA INTERNACIONAL

Xa próximo o Día das Letras Galegas quixemos aproveitar para recordar que o galego é unha lingua válida para todos os ámbitos. As nosas xornalistas entrevistaron a un membro da Mesa pola Normalización Lingüística. Aquí deixamos o enlace para que escoitedes o programa completo. Esperamos que vos guste.



Ao mesmo tempo queremos invitarvos a que coñezades a app ABERTOS AO GALEGO, picando neste enlace. 

 



luns, 6 de maio de 2019

QUINTO ENCONTRO POR SKYPE

Neste encontro xa tiñamos claro cal ía ser o lugar para visitar e así puidemos xa comezar a preparar a visita a Guimarães, no país veciño.



luns, 29 de abril de 2019

luns, 1 de abril de 2019

TERCEIRO ENCONTRO POR SKYPE

Inauguramos abril cun novo encontro cos nosos amigos do IES As Barxas, Moaña, seguimos coñecendo os nosos gustos e a que dedicamos o tempo libre. 


sábado, 30 de marzo de 2019

PROGRAMA DE RADIO SEMANA DA PRENSA

Velaquí o programa de radio para conmemorar o Día Internacional da Prensa. O alumnado decidiu que un dos temas que preocupa á xuventude e aparece ultimamente moitas veces en prensa é o do medio ambiente, por iso se centraron no tema.





Para realizalo puxéronse en contacto con Onda Nosa que como di a súa dona, a ferrolá Mariola López, quen recibiu un premio de la Fundación Coca-Cola polo seu proxecto empresarial: "é unha marca que representa un proxecto creativo persoal, onde o obxectivo é conxugar a arte(sanía) co amor polo océano e a natureza. En definitiva, arte e artesanías sustentables dende o Atlántico Norte, cun chisco de amor". A entrevista foi realizada por Allyson. Esperamos que vos guste. 


Pica no enlace se queres escoitalo: Programa para o Día Internacional da Prensa

venres, 29 de marzo de 2019

DÍA INTERNACIONAL DA PRENSA

Estes días Radio Moskeo quere conmemorar o Día Internacional da Prensa e para iso Aarón, Carlos e Nati traballaron este tema. Aquí vos deixamos o enlace para que poidades escoitalo. Esperamos que vos guste. 

xoves, 28 de febreiro de 2019

PROGRAMA DE RADIO SOBRE O ENTROIDO

Neste programa de radio, os compañeiros descóbrennos unha tradición perdida hai anos no concello de Mos: os curros. 


Nesta festa os rapaces xuntábanse en grupos e levaban os seus disfraces para ir polas casas dos veciños pedindo cartos e ovos, para que o dono saíse da casa a darllelos, os rapaces berrábanlle “currr!” insistindo, entón o dono ou a dona pedía que os rapaces lles botasen un baile antes de darlles a súa recompensa, isto era “ir de curros”. Os curros eran os mozos e mozas que ían polos camiños e paraban nas casas. Era unha das festas máis esperadas do ano. Este día contaba cunha comida especial, de cocido e con comida típica do entroido como as orellas. Este xeito de celebrar o entroido entrou en desuso a partires dos anos 80.

 

Os disfraces que levaban os curros tiñan como obxectivo imitar ós vellos, eran as roupas vellas que había na casa, tamén facían caretas de tea, levaban chapeus e vasoiras e paus imitando bastóns.


Velaquí tendes a ligazón para escoitar o programa e una entrevista a unha das súas participantes nesta festa: Programa de radio sobre o Entroido 


luns, 25 de febreiro de 2019

ENCONTROS POR SKYPE

Neste trimestre demos paso a unha actividade que ten emocionado ao alumnado participante: encontros por Skype con alumnado do IES As Barxas de Moaña

xoves, 21 de febreiro de 2019

DÍA DA PAZ NO PATIO



O día da Paz chegou un pouco máis tarde da data sinalada polas inclemencias do tempo, pero finalmente o alumnado participou e colaborou na actividade. Alumnado de segundo de ESO leu textos de persoeiros que traballaron pola paz e escollidos en colaboración co departamento de Filosofía, o alumnado de primeiro de ESO, xunto co departamento de Plástica elaborou os símbolos da paz que decoraron o patio e o resto do alumnado colaborou na escenificación do símbolo da paz no patio.

venres, 8 de febreiro de 2019

PROGRAMA DE RADIO PARA O DÍA DA PAZ

Hoxe retomamos a nosa radio caseira no Instituto, emitimos un programa dedicado ao lema da UNESCO para este ano: diálogo, tolerancia e paz.

Este programa será emitido tamén por Ponte nas ondas! o día 13 de febreiro a partir das 14 horas.

Grazas a todo o profesorado e alumnado que participou, foi un traballo colaborativo moi interesante no que interveu alumnado de distintos niveis, dende 1º de ESO ata 1º de Bacharelato. Tamén grazas á ANPA por facilitarnos o traballo con ese equipo caseiro.

Dende este enlace podedes escoitar toda a gravación: Programa de radio para o día da paz.




venres, 1 de febreiro de 2019

CURSO DE DOBRAXE EN MOS




Os pasados 28 e 29 de xaneiro, o alumnado de 4º da ESO asistiu a un obradoiro de dobraxe en galego impartido polo actor Damián Alonso (Altesta 4).
Ademais de recibir información sobre a historia da dobraxe -descubrimos que moitos estudos están en Vigo-, tamén puideron practicar os seus dotes dramáticos..........dobrando secuencias da película de animación, Cars, de Disney Pixar!
 Puideron poñerse na pel dun/ha dobrador/a  e comprobar complexidade deste traballo e as variadas destrezas que teñen que dominar para ser unha boa actriz/actor desta disciplina.

Quen sabe se entre nós se agocha unha futura estrela da dobraxe?   

             

luns, 12 de novembro de 2018

O IES DE MOS NO CENTRO CULTURAL AS PEDRIÑAS







O pasado 9 de novembro, o Centro Cultural As Pedriñas, de Mos, invitou ao alumnado de 2º ESO do noso instituto á representación teatral, “Como sobrevivir a unha apocalipse zombi” de Avento Producións

Trátase dunha comedia interactiva, onde os actores e actrices buscan continuamente a participación do alumnado a través do humor.   Dende o primeiro minuto, gargalladas dos rapaces e rapazas son continuas; os divertidos personaxes van dende unha experta psiquiatra que usa un pobre home para os seus viles experimentos, ata un Rambo despiadado ou un  “serio” presentador que vai dando conta das instrucións que o público deberá seguir se quere sobrevivir a un ataque zombi.

Dende o instituto, agradecemos ao Centro Cultural “As Pedriñas” o interese por achegar o mundo teatral ás aulas e espertar, se cadra, futuras vocacións e sobre todo, o amor polo teatro.

Moitas grazas pola invitación!!

E.............de parte dos actores e actrices da compañía, e tamén do profesorado acompañante.........noraboa ao alumnado de 2º ESO polo seu comportamento!!