O alumnado de segundo de ESO con axuda da súa profesora de portugués realizou un vídeo no que anima aos seus compañeiros que entrarán en 1º de ESO no próximo ano a que escollan esta lingua como unha opción que lles pode abrir moitas portas nun futuro.
Por fin chegou o día de atoparnos en persoa. O día 24 de maio saímos do IES de Mos ás 9.30 e viaxamos no mesmo autocar cos nosos compañeiros e compañeiras do IES das Barxas. O destino era a vila de Guimarães, berce do país portugués.
A climatoloxía acompañounos durante todo o día, acompañáronnos na viaxe os profesores: Margarida, Alfonso, Montse e Rosa.
Primeiro visitamos o Paço dos duques de Bragança e despois o Castelo, pasando pola capela na que supostamente foi bautizado Afonso Henriques, do que nos puxeran unha curtametraxe no autobús. Alí merendamos e despois baixamos ao centro. O primeiro que visitamos foi o museo Alberto Sampaio.
O xantar fixémolo polo centro histórico e, ao rematar, déronnos unha guía que elaborou o museo Alberto Sampaio para localizar diversos elementos históricos de Guimarães. Había que preguntar aos vimaranenses para obter pistas.
Posteriormente dirixímonos ao teleférico para subir ata a Penha, onde gozamos do paseo en mini-tren turístico para ver as distintas covas que crean alí as rochas.
Este ano o noso centro comezou a pór en marcha un novo proxecto: A prehistoria. É significativo na nosa contorna o desenvolvemento deste pois, unha das riquezas a pór en valor, é o patrimonio prehistórico que comezou a levar adiante xa hai uns anos a Asociación Cultural Viaxamos no Tempo. Co proxecto fóronse levando adiante varias actividades: - O alumnado de 1º de ESO: a) Elaborou nas aulas de Lingua Galega un pan de landras, podedes ver a entrada e os comentarios do alumnado no blog Matinando na lingua ou picando neste enlace: Proceso de elaboración do pan de landras b) Realizou nas aulas de Plástica un taller de pintura aborixe.
c) Asistiron a talleres de caza, de moído, de lume, de fabricación de ferramentas de pedra e de caza.
- O alumnado de 3º e 4º da ESO, primeiramente e o de 2º, posteriormente, visitou o monte Facho e a praia de Barra no concello de Cangas do Morrazo. Alí o alumnado tiña que cubrir unha ficha elaborada polo departamento de Bioloxía na que tiñan que localizar especies vexetais e diversos lugares da contorna.
Ademais das espectaculares vistas que se divisan dende alí observamos o tipo de poboamento que ao longo do tempo se realizou na zona.
Neste proxecto colabora activamente o Equipo de Dinamización Lingüística e os departamentos de Plástica, Bioloxía e Xeoloxía, Filosofía, Xeografía e Historia, Lingua Galega.
Se picas neste enlace poderás ver o produto final no que se concretan todas estas experiencias de aprendizaxe: PROXECTO PREHISTORIA EN MOS
Este ano o día das Letras Galegas homenaxea a Antón Fraguas Fraguas(Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego, dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. O seu labor contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea que segue a ser preciso reivindicar (fragmento da RAG).
No noso centro leváronse a cabo diferentes actividades relacionadas coa súa figura.
1. O alumnado de terceiro e cuarto de ESO e de Bacharelato asistiu o día 16 de maio á representación de A LOUCA HISTORIA DE GALICIA, a cargo de Fulano, Mengano e Citano no Multiúsos do Concello de Mos.
2. O alumnado do centro participou con fotografías antigas da súa familia no concurso de Ponte nas ondas! AS IMAXES DO PATRIMONIO.
3.Alumnado de Música, en colaboración coa profesora Romina, tocou a Muiñeira dos nenos. Alumnado de primeiro de ESO participou na elaboración dun vídeo dedicado a Antonio Fraguas e aos arxinas (canteiros): leron Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro na verba dos arxinas.
Xa próximo o Día das Letras Galegas quixemos aproveitar para recordar que o galego é unha lingua válida para todos os ámbitos. As nosas xornalistas entrevistaron a un membro da Mesa pola Normalización Lingüística. Aquí deixamos o enlace para que escoitedes o programa completo. Esperamos que vos guste.