Hoxe voltamos ao segundo encontro por Skype co alumnado do IES As Barxas de Moaña para falarmos das nosas afeccións e do tempo libre.
luns, 11 de marzo de 2019
SEGUNDO ENCONTRO POR SKYPE
Hoxe voltamos ao segundo encontro por Skype co alumnado do IES As Barxas de Moaña para falarmos das nosas afeccións e do tempo libre.
xoves, 28 de febreiro de 2019
PROGRAMA DE RADIO SOBRE O ENTROIDO
Neste programa de radio, os compañeiros descóbrennos unha tradición perdida hai anos no concello de Mos: os curros.
Nesta festa os rapaces xuntábanse en
grupos e levaban os seus disfraces para ir polas casas dos veciños pedindo
cartos e ovos, para que o dono saíse da casa a darllelos, os rapaces
berrábanlle “currr!” insistindo, entón o dono ou a dona pedía que os rapaces
lles botasen un baile antes de darlles a súa recompensa, isto era “ir de
curros”. Os curros eran os mozos e mozas que ían polos camiños e paraban nas
casas. Era unha das festas máis esperadas do ano. Este día contaba cunha comida
especial, de cocido e con comida típica do entroido como as orellas. Este xeito
de celebrar o entroido entrou en desuso a partires dos anos 80.
Os disfraces que levaban os curros
tiñan como obxectivo imitar ós vellos, eran as roupas vellas que había na casa,
tamén facían caretas de tea, levaban chapeus e vasoiras e paus imitando
bastóns.
Velaquí tendes a ligazón para escoitar o programa e una entrevista a unha das súas participantes nesta festa: Programa de radio sobre o Entroido
PROGRAMA DE RADIO LINGUA MATERNA E DÍA DE ROSALÍA
| Acto adicado a Vitoria en que participou o alumnado do bacharelato de artes cunha creación musical orixinal |
Esta semana escoitamos un novo programa de radio.
- Dedicamos un apartado á nosa lingua vista a través dos ollos de dúas persoas que viñeron a Galicia para instalarse aquí e de dúas persoas que non tiveron oportunidade de estudar en galego. O agarimo con que tratan a nosa fala contrasta bastante coas opinións que a miúdo temos que escoitar doutros.
- Outro dos nosos apartados dedícase á profesora Mª Victoria Álvarez-Ruíz de Ojeda, que finou o ano pasado e deixándonos interesantes investigacións sobre Rosalía de Castro. No programa escoitamos algúns fragmentos da conferencia que pronunciou no ano 2013 no Congreso Internacional: Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada. Tamén contamos neste apartado coa colaboración de alumnado de 2º e 3º de ESO, que novelou os primeiros anos da vida de Rosalía de Castro e leu algúns dos seus poemas máis coñecidos.
Esperamos que vos agrade. Picade na seguinte ligazón se queredes escoitalo.
Etiquetas:
entrevista,
galega,
lingua,
radio,
Rosalía
Localización:
Mos, Pontevedra, España
luns, 25 de febreiro de 2019
ENCONTROS POR SKYPE
Neste trimestre demos paso a unha actividade que ten emocionado ao alumnado participante: encontros por Skype con alumnado do IES As Barxas de Moaña
xoves, 21 de febreiro de 2019
DÍA DA PAZ NO PATIO
O día da Paz chegou un pouco máis tarde da data sinalada polas inclemencias do tempo, pero finalmente o alumnado participou e colaborou na actividade. Alumnado de segundo de ESO leu textos de persoeiros que traballaron pola paz e escollidos en colaboración co departamento de Filosofía, o alumnado de primeiro de ESO, xunto co departamento de Plástica elaborou os símbolos da paz que decoraron o patio e o resto do alumnado colaborou na escenificación do símbolo da paz no patio.
venres, 8 de febreiro de 2019
PROGRAMA DE RADIO PARA O DÍA DA PAZ
Hoxe retomamos a nosa radio caseira no Instituto, emitimos un programa dedicado ao lema da UNESCO para este ano: diálogo, tolerancia e paz.
Este programa será emitido tamén por Ponte nas ondas! o día 13 de febreiro a partir das 14 horas.
Grazas a todo o profesorado e alumnado que participou, foi un traballo colaborativo moi interesante no que interveu alumnado de distintos niveis, dende 1º de ESO ata 1º de Bacharelato. Tamén grazas á ANPA por facilitarnos o traballo con ese equipo caseiro.
venres, 1 de febreiro de 2019
CURSO DE DOBRAXE EN MOS
Os pasados 28 e 29 de xaneiro, o alumnado de 4º
da ESO asistiu a un obradoiro de dobraxe en galego impartido polo actor Damián
Alonso (Altesta 4).
Ademais de recibir información sobre a historia
da dobraxe -descubrimos que moitos estudos están en Vigo-, tamén puideron
practicar os seus dotes dramáticos..........dobrando secuencias da película de
animación, Cars, de Disney Pixar!
Puideron
poñerse na pel dun/ha dobrador/a e
comprobar complexidade deste traballo e as variadas destrezas que teñen que
dominar para ser unha boa actriz/actor desta disciplina.
Quen sabe se entre nós se agocha unha futura
estrela da dobraxe?

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



